Descrición
Mestre Mateo e o seu taller. Ca. 1200. Granito
O coro pétreo labrado polo Mestre Mateo como parte do seu proxecto de culminación e renovación da catedral de Santiago para a súa solemne consagración, que tivo lugar no ano 1211, incluía unha serie de esculturas de personaxes bíblicos, organizados en secuencias de catro por cada tramo da sillería, que se atopaban situadas na crestería dos muros exteriores do coro, asomándose ás naves laterais da catedral. En 1604 derrubouse o coro, substituído por un novo de madeira e algunhas das súas pezas foron reutilizadas noutros lugares da catedral; entre elas, unha serie de figuras de personaxes bíblicos que, en dúas etapas, acabaron conformando os chamados “Vintecatro da Porta Santa” pola súa situación na fachada exterior da Porta Santa.
A secuencia iníciase, na parte inferior do primeiro tramo esquerdo coas imaxes de Aarón, irmán de Moisés e primeiro Sumo Sacerdote de Israel e de Nahún, un dos profetas menores.