Filla do Conde de Barcelona Berenguer III, contraeu matrimonio concertado con quen habería de converterse no Emperador Afonso VII. Foi unha raíña moi popular e respectada, con moita influencia na corte, pero tamén astuta xa que logrou que as tropas inimigas se retirasen nun ataque a Toledo.
Aínda que Afonso VII, que se educou en Galicia baixo a protección de Xelmírez, manifestara en varias ocasións o seu desexo de enterrarse na catedral compostelá, ao final foi a súa esposa a que, por indicación súa e seguindo as súas disposicións, foi enterrada aquí.
A súa actual estatua xacente datouse entre os anos 1211 e 1230, coincidindo coa configuración institucional da Capela dos Reis tras a consagración da catedral.
Descrición
Aínda que hai constancia do desexo do rei Afonso VII por enterrarse na catedral de Santiago xunto ao seu pai, Raimundo de Borgoña, finalmente, á súa morte en 1157, foi enterrado na catedral de Toledo. En cambio, a súa esposa, Berenguela de Barcelona, falecida en 1149, si sería sepultada en Compostela seguindo, nas súas exequias, o cerimonial disposto polo seu esposo anos antes.
Fronte ao que sucede con outros sepulcros do Panteón Real compostelán, neste caso non hai dúbidas acerca da identidade do personaxe representado. Con todo, este non sería o sepulcro primixenio, pois detalles estilísticos e da propia vestimenta da imaxe xacente, levan esta peza cara ao ano 1230, data da morte do rei Alfonso IX e da constitución oficial do Panteón Real, momento no cal, con toda probabilidade, se levaron a cabo obras de adecuación na Capela e, con iso, xunto a outras actuacións, este novo sepulcro que é unha destacada mostra da escultura funeraria do primeiro terzo do século XIII.
Modelo 3D
Video