Sepulcro da Raíña Xoana de Castro (principios do século XIV – 1374)

Foi unha muller moi rica e distinguida, procedente dunha familia galega destacada e cunha especial relación coa catedral compostelá.
Coñecida coloquialmente como Xoana “a desamada”, xa que o seu matrimonio con Pedro I dura tan só unha noite aínda que, con todo, foi raíña ata o fin dos seus días.
Descoñécese o momento en que o enterramento de Xoana de Castro acabou incorporado ao Panteón Real, se foi desde un principio ou, despois, no momento do seu traslado á súa actual localización. Orixinalmente, a tumba non foi pensada para estar acaroada ao muro, pois está esculpida polas súas catro caras con numerosos escudos heráldicos e un programa iconográfico centrado na vida de Cristo.

Descrición

Con Afonso IX conformouse oficialmente o Panteón Real de Compostela pero, tamén, deuse por pechada a dinastía Borgoña e con ela o reino independente de Galicia e de León, que pasaron a unificarse co de Castela na persoa de Fernando III o Santo. Tempo despois, en 1374, tivo lugar o falecemento, de Xoana de Castro, raíña consorte de Castela e de León polo seu errado matrimonio, en 1354, con Pedro I, con quen non chegaría a convivir. A pesar diso, ata a súa morte ostentou o título de Raíña e, como tal, foi enterrada na catedral de Santiago.
O seu sepulcro, atribuído a un taller compostelán activo na época, foi concibido como exento e non encostado, como eran o resto de pezas que integraban a Capela Real, o que xerou certas dúbidas acerca da súa localización orixinal na mesma. No traslado do Panteón á súa actual localización, no ano 1535, a peza quedou, como as demais, embutida nunha das hornacinas, ocultando parte da súa decoración.

Modelo 3D
Video
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad