A liturxia foi o principio organizador das catedrais, do mesmo xeito que o foi para os mosteiros e as igrexas de toda a cristiandade. Regulou os movementos de quen habitaba os seus espazos, determinou a disposición de altares e capelas, xustificou a fabricación de libros, vasos sagrados, relicarios, vestiduras, imaxes e mobiliario, e impregnou de significado cada recuncho do edificio. Moitos dos obxectos que hoxe admiramos tras unha vitrina dun museo de arte sacra ou identificamos como obras mestras do patrimonio artístico litúrxico foron concibidos, antes ca como pezas de contemplación, como instrumentos vivos dunha determinada acción ritual. A súa beleza era unha condición inseparable da súa función e o seu valor real residía tanto no que eran como naquilo que facían posible: un sacramento, un ritual concreto ou un costume propio dun templo como o compostelán.
Comprender esa realidade esixe unha maneira distinta de achegarse ao patrimonio medieval. Xa non abonda con preguntarse cando foi realizada unha obra, quen a encargou ou que trazos estilísticos presenta. É necesario reconstruír tamén a súa biografía: seguir o percorrido dos obxectos a través do tempo, descubrir como foron utilizados, transformados, reparados, enriquecidos ou desprazados dun lugar a outro, e comprender as relacións que estableceron coas persoas que os empregaron durante xeracións. Os documentos conservados nos arquivos, os libros litúrxicos, os inventarios, as consuetas, as actas capitulares ou as propias pegadas materiais das pezas permiten hoxe reconstruír, polo menos parcialmente, esas vidas silenciosas que transcorreron entre cerimonias, procesións, festividades e celebracións cotiás.
É precisamente esta forma de entender a catedral a que inspira Ornamenta Ecclesiae. Os tesouros da liturxia na catedral medieval. Este programa de investigación impulsado pola Fundación Catedral de Santiago propón un percorrido por un universo dos ritos e prácticas cerimoniais que motivaron a razón de ser da Catedral de Santiago de Compostela durante a Idade Media, especialmente entre os séculos XI ao XVI. As imaxes, os obxectos e as vestimentas que cobran vida no proxecto expositivo non se fan presentes unicamente como testemuños da excelencia artística acadada na cidade de Santiago de Compostela, senón como vestixios materiais dunha experiencia moito máis ampla: a da comunidade cristiá que atopou na liturxia a linguaxe coa que relacionarse co divino e dar sentido ao transcurso do tempo, á memoria dos santos –de forma particular á do apóstolo Santiago– e á celebración pública da fe na busca da transcendencia.
